O alumnado en Enfermaría fórmase en detección de violencia machista e xestión do estrés


30 de marzo de 2022

Achegar ao alumnado as experiencias de diferentes profesionais de enfermaría que levan a cabo o seu labor en ONG, dotarlles de ferramentas para un mellor manexo de situacións de estrés e trasladarlles unha serie de estratexias para a detección de posibles casos de violencia machista no ámbito sanitario. Isto é o que achegan ao alumnado da Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra, centro adscrito á UVigo, as diferentes actividades de formación transversal que o centro dependente da Deputación de Pontevedra acolle ao longo desta semana. 

"Trátase de complementos formativos transversais e necesarios", sinala a subdirectora, Paz Diéguez, desta serie de actividades independentes que conflúen no presente curso nunha mesma semana. Así, a escola acolleu este luns a xornada Enfermaría e ONG, que tiña como obxectivo achegar ao alumnado "experiencias de xestión enfermeira no ámbito social", mentres que este mércores ten lugar un taller sobre manexo de estrés, que a escola promove por primeira vez. Por último, mañá xoves desenvolverase o curso Atención ás mulleres en situación de violencia de xénero, organizado pola Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), do Sergas.

Máis información en https://www.uvigo.gal/es/universidad/comunicacion/duvi/alumnado-enfermaria-formase-deteccion-violencia-machista-xestion-estres