Enfermería comunitaria, mediación intercultural e ONG
O pasado 28 de abril, no contexto da materia de "Enfermaría Comunitaria", celebrouse na escola de enfermería de Pontevedra unha xornada dedicada á enfermaría comunitaria, a mediación intercultural e o papel das ONG no ámbito sanitario. A actividade contou coa participación de profesionais expertas cunha ampla traxectoria en cooperación ao desenvolvemento, migracións e saúde intercultural.
A sesión comezou coa intervención de Nieves Márquez Abraldes, enfermeira especializada en cooperación ao desenvolvemento e presidenta da asociación "Laboratorio de Equidad en Salud", quen abordou a relación entre dereitos humanos e saúde, e expuxo ao alumnado as posibles saídas profesionais da enfermaría no eido da cooperación internacional.
A continuación, Cristina Arcas Noguera, enfermeira tropicalista e antropóloga social, responsable da área de saúde da ONG "Salud Entre Culturas" (Hospital Ramón y Cajal, Madrid), afondou na relación entre cultura, migracións e saúde, poñendo de relevo os desafíos da atención sanitaria en contextos de diversidade cultural.
Tamén participou Mbaye Gil Sánchez, enfermeiro e activista, fundador da ONG Sunu Gaal, quen compartiu coa comunidade universitaria a súa experiencia como persoa migrante e emprendedora social, ofrecendo ao alumnado unha visión práctica sobre como poñer en marcha unha ONG desde o compromiso persoal e comunitario.
Finalmente, Martina Corral Aller, intérprete e mediadora intercultural da ONG Salud Entre Culturas, explicou o papel clave destes profesionais no sistema sanitario, especialmente á hora de garantir unha atención accesible, comprensible e respectuosa para persoas migrantes.
A xornada permitiu ao alumnado reflexionar sobre a dimensión social, cultural e ética dos coidados, e ampliou a súa visión sobre o papel transformador da enfermaría en contextos de vulnerabilidade e diversidade.