No 11F: día da Muller e a Nena na Ciencia falamos da Historia do Coidado


05 de febreiro de 2026

A Escola participa nas actividades organizadas pola Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo con motivo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, cunha charla que aborda a relación entre arte, historia e coidado.

A actividade, titulada O coidado a través da arte: unha aproximación científica e humanística ao mundo da saúde, tivo lugar o luns 2 de febreiro ás 9.30 horas no IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, e estivo dirixida ao alumnado da FP de Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermaría.

Na charla, impartida por Claudia González, profesora de Historia de Enfermaría da Escola, utilizáronse pinturas históricas para axudar a comprender distintos aspectos da evolución do coidado profesional. A través da observación de obras de autores como Picasso, Van Gogh, Vallotton ou Sorolla, os asistentes reflexionaron sobre o contexto social da enfermidade, as situacións de vulnerabilidade, os espazos de coidado e o papel das mulleres na historia deste.

A sesión propuxo aprender a mirar as imaxes con atención e método, descubrindo como a arte pode ser unha ferramenta útil para entender mellor a realidade sanitaria e social.