Obxectivos do título de Grao en Enfermería
O obxectivo xeral do Grao en Enfermería é formar enfermeiras e enfermeiros de coidados xeneralistas que sexan capaces de desenvolver funcións nos ámbitos asistenciais, de xestión administrativa, de prevención e promoción da saúde, e de información e educación para a saúde, a nivel individual e comunitario. No ámbito asistencial, a súa formación capacitaraos para un exercicio responsable da enfermería nos niveis de atención primaria, especializada e sociosanitaria.
O Grado en Enfermería está deseñado para que o alumnado acade os seguintes obxectivos relacionados na Orde ministerial 2134/2008, de 3 de xullo, pola que se establecen os requisitos para obter o título que habilite para o exercicio da profesión regulada de enfermería:
- Ser capaz, no ámbito da enfermería, de prestar unha atención sanitaria técnica e profesional acorde coas necesidades de saúde das persoas atendidas, conforme co estado de desenvolvemento de coñecementos científicos de cada momento e cos niveis de calidade e seguridade que se establecen nas normas legais e deontolóxicas aplicables.
- Planificar e prestar coidados de enfermería dirixidos ás persoas, familias ou grupos, orientados aos resultados en saúde, así como avaliar o seu impacto, a través de guías de práctica clínica e asistencial que describen os proxectos polos que se diagnostica, trata ou coida un problema de saúde.
- Coñecer e aplicar os fundamentos e principios teóricos e metodolóxicos da enfermería.
- Comprender o comportamento interactivo da persoa en función do xénero, grupo ou comunidade dentro do seu contexto social e multicultural.
- Deseñar sistemas de coidados dirixidos ás persoas, familias ou grupos para avaliar o seu impacto e establecer as modificacións oportunas.
- Protexer a saúde e o benestar das persoas, familias ou grupos atendidos, e garantir a súa seguridade.
- Establecer unha comunicación eficaz con pacientes, familias, grupos sociais e compañeiras e compañeiros, e fomentar a educación para a saúde.
- Coñecer o código ético e deontolóxico da enfermería española para comprender as implicacións éticas da saúde nun contexto mundial en transformación.
- Establecer mecanismos de avaliación, considerando os aspectos científico-técnicos e os de calidade.
- Traballar co equipo de profesionais como unidade básica na que se estruturan de forma única ou multidisciplinar e interdisciplinar as e os profesionais e demais persoal das organizacións asistenciais.
- Coñecer os sistemas de información sanitaria.
- Realizar os coidados de enfermería baseándose na atención integral da saúde, que supón a cooperación multiprofesional, a integración dos procesos e a continuidade asistencial.
- Coñecer as estratexias para adoptar medidas de confortabilidade e atención de síntomas dirixidas ás e aos pacientes e ás súas familias, na aplicación de coidados paliativos que contribúan a aliviar a situación de persoas enfermas avanzadas e terminais.