Arranca na Escola de Enfermería o módulo de Igualdade e Perspectiva de Xénero promovido pola Deputación


16 de novembro de 2021

A Escola de Enfermería da Deputación de Pontevedra acollerá a partir deste martes o "Módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e perspectiva de xénero" promovido pola institución provincial a través do servizo de Igualdade. O curso, terá lugar mañá, 17 de novembro, e o vindeiro 1 de decembro en horario de 09.30 a 13.30 e será impartido por Mercedes Renda Melón, presidenta da Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades de Galicia (APAIOGA).

A través deste módulo de sensibilización, no que participan 16 alumnos e alumnas da Escola de Enfermería, preténdese formar sobre a importancia de contribuír á ruptura de estereotipos e prexuízos de xénero, así como difundir información sobre igualdade de oportunidades, discriminación, corresponsabilidade e violencia de xénero, así como proporcionar coñecementos e ferramentas para facilitar a reflexión autocrítica e promover actitudes feministas. En total o curso ten unha duración de 8 horas divididas en dúas sesións de catro horas. Máis polo miúdo, ao longo das xornadas falarase sobre o sistema sexo-xénero e a discriminación como fenómeno estrutural; roles e estereotipos; estruturas de xénero; violencias machistas e a incorporación da perspectiva de xénero á práctica profesional da Enfermería.

A formación impulsada pola Deputación de Pontevedra é impartida pola asociación APAIOGA, integrada por axentes de Igualdade con formación específica teórico-práctica na materia. Ao longo da súa traxectoria ten realizado xa formación en Igualdade en Universidades, centros educativos, concellos e outras administracións públicas, así como elaborado estudos e plans específicos sobre a Igualdade.