A Escola de Enfermaría de Pontevedra achega o alumnado á realidade social a través dun ciclo de faladoiros con entidades locais. Actividade integrada tamén na Cátedra UNESCO Educación Transformadora da Universidade de Vigo
Esta actividade académica, integrada tamén nas accións da Cátedra UNESCO Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade da Universidade de Vigo, ten como obxectivo achegar o alumnado da titulación de Enfermaría ás institucións e asociacións que abordan cuestións como a lingua de signos, a síndrome de Down, a accesibilidade cognitiva, a cooperación ao desenvolvemento ou os dereitos humanos, entre outras temáticas de relevancia social.
Celebrados en diferentes sesións ao longo do cuadrimestre, os faladoiros permiten ao estudantado coñecer de primeira man as realidades das persoas coas que traballarán no futuro, favorecendo unha formación integral, ética e comprometida coa comunidade.
Ao longo dos anos, esta experiencia consolidouse como un exemplo de docencia transformadora, que complementa os contidos teóricos co contacto directo coa cidadanía, reforzando así a misión da universidade como espazo de cooperación, diálogo e compromiso social, onde o coñecemento se entende como un ben público ao servizo da sociedade.
Como novidade, nesta edición o ciclo de faladoiros ábrese tamén a outras enfermeiras, profesionais da saúde e alumnado da Universidade de Vigo do Campus de Pontevedra, co fin de fortalecer a rede de transferencia de coñecemento entre docencia, investigación, práctica profesional e terceiro sector. Algúns dos encontros celebraranse na Casa das Campás.