"As persoas, eixe central da nosa Escola"
Hai 49 anos quixo o destino, ou era necesario, que coincidisen en tempo e lugar tres cualificadas personalidades da vida pontevedresa: un catedrático de instituto e presidente da Cruz Vermella de Pontevedra, Marcelino Jiménez Jiménez; o director do Hospital Provincial, Manuel Castro-Rial Canosa; e o presidente da Deputación Provincial, José Luis Peláez Casalderrey. En 1974, con decisión, creatividade e visión de futuro, planificaron e puxeron en funcionamento a Escola de Axudantes Técnicos Sanitarios (Escola ATS) de Pontevedra, precedente da futura Escola Universitaria de Enfermería. Para concretala converxían a necesidade de profesionais de enfermería con dúas correntes: a das persoas que querían aprender e a daquelas dispostas a ensinar.
A Escola ATS, situada no Hospital Provincial, estivo operativa desde 1974 ata 1978, cando se comezaron a impartir os estudos universitarios de diplomatura.
Os estudos de enfermería souberon responder ás necesidades sociais de cada momento. O plan de estudos da Escola ATS estaba moi centrado nas técnicas e tiña unha orientación biomédica. Con todo, permitiu desenvolver un campo de responsabilidade profesional propio, que comezou a ser autónomo no dominio de técnicas que só as enfermeiras e os enfermeiros podían levar a cabo.
Por acordo da Deputación, de 29 de agosto de 1978, aprobado polo Goberno no Consello de Ministros, de 10 de novembro do mesmo ano, a Escola ATS transformouse na Escola Universitaria de Enfermería da Deputación Provincial de Pontevedra, adscrita á Universidade de Santiago de Compostela (USC), a única universidade en Galicia naquel momento, para impartir os estudos correspondentes á diplomatura de Enfermería.
Coa consideración de estudos universitarios de Enfermería, cambiáronse a localización e a estrutura da Escola; ampliouse a Secretaría e contratouse persoal administrativo; designáronse secretario e tesoureiro; incorporáronse ordenanzas; adquiríronse novas ferramentas docentes; e incrementouse o número de alumnas e alumnos matriculados e de profesoras e profesores. A escola estaba dirixida por un médico e incorporouse a figura da delegada ou delegado da Universidade na Escola. O órgano reitor era o Padroado, con representación da Deputación, da Universidade, dos hospitais da área norte de Pontevedra e da Dirección da Escola.
A Escola de Enfermería iniciou a súa andaina no antigo Fogar Provincial da rúa Padre Amoedo, hoxe o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. Durante os tres primeiros anos, compartiu localización coas licenciaturas en Belas Artes e Comunicación Audiovisual, dada a falta de instalacións da Universidade no campus. Debido á necesidade de máis espazo, en 1993 a escola trasladouse ás actuais dependencias do Hospital Provincial, nas plantas cuarta e quinta do edificio destinado a consultas, laboratorios e Psiquiatría. A biblioteca e o salón de actos do hospital estaban no mesmo piso. As prácticas tamén se realizaban neste hospital.
O persoal docente seleccionábase por idoneidade, fundamentalmente entre as e os profesionais do hospital. Ao principio, a maioría eran médicas e médicos, aínda que paulatinamente se foron incorporando enfermeiras e enfermeiros e outras e outros profesionais universitarios. Ao ser unha escola adscrita, non estaban contratados pola universidade; realizaban un labor de profesorado colaborador con venia docendi, que se debía renovar cada ano e que lles permitía ensinar na universidade aínda que non contasen coa titulación académica.
A primeira promoción da diplomatura concluíu os estudos en 1981. Desde entón finalizaron 32 promocións: ata 1990 pola USC e, a partir desa data, pola Universidade de Vigo (UVigo), cun número total de egresados próximo a 2.000.
Coa segregación da USC en tres universidades, Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, créase de facto o campus de Pontevedra en 1990, integrado na UVigo. Instálanse facultades na cidade e amplíase a oferta de estudos universitarios con novas licenciaturas e diplomaturas. Desde entón, a nosa escola, incorporada ao Campus CREA, está adscrita e en período de trámite para a súa integración definitiva na UVigo.
O impulso decisivo aos estudos de Enfermería chegaría da man do Plan Bolonia, polo que se crea o Espazo Europeo de Educación Superior, que modificou todo o sistema universitario na Unión Europea. Así, o 27 de febreiro de 2008, no Boletín Oficial do Estado publicouse unha breve resolución que tivo unha enorme transcendencia: as condicións dos plans de estudos do Grao de Enfermería.
Entre as novas condicións do título de Grao de Enfermería destacaba que o plan de estudos deixaba de ser unha diplomatura de tres anos para converterse nun grao de catro anos e 240 créditos ECTS. Iso supuña a equiparación dos estudos universitarios ao resto de titulacións históricas, coma Dereito, Historia, Bioloxía etc., aínda cando "o fito real da transformación da enfermería española prodúcese cando realmente se pode acceder, sendo enfermeiros, á investigación e aos niveis de máster e doutoramento".
Desde 2010 este grao impártese na Escola, por acreditación da UVigo e da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación; así, a primeira promoción de graduadas e graduados finalizou os seus estudos en 2014. Ata agora culminaron os estudos de grao nove promocións. O número de alumnas e alumnos matriculados no primeiro curso é de 55 e o total por ano académico excede os douscentos. O profesorado, máis numeroso e cualificado, accede á docencia a través dun proceso público de selección e vincúlase como profesorado colaborador ou profesoras e profesores a tempo completo, con venia docendi.
"Todas as organizacións constrúense sobre unha visión, pero logo crecen sobre valores".