O ciclo "Redes de coidado" fortalece a conexión entre a universidade e as entidades sociosanitarias de Pontevedra
Este ano púxose en marcha o ciclo de faladoiros Redes de coidado, unha iniciativa que dá continuidade ás colaboracións que se viñan realizando nos últimos cursos na materia "Saúde, dependencia e vulnerabilidade social", pero que agora se organiza como un programa máis estruturado e aberto a toda a comunidade interesada.
O obxectivo deste ciclo é crear un espazo de diálogo directo entre o alumnado e diversas entidades locais que traballan con persoas en situación de vulnerabilidade. A través destas conversas, o estudantado pode coñecer de primeira man os retos, necesidades e prácticas cotiás de colectivos moi diversos, favorecendo así unha transferencia de coñecemento máis próxima, útil e contextualizada.
A configuración do ciclo en formato aberto permitiu ademais reforzar os lazos entre a universidade e o tecido social de Pontevedra, promovendo un contacto máis fluído coas organizacións do territorio e facilitando novas vías de colaboración no futuro.
Agradecemento ás entidades colaboradoras
Queremos agradecer especialmente a participación das organizacións que compartiron o seu tempo e experiencia, contribuíndo a enriquecer a formación do alumnado e a comprender mellor o traballo que realizan día a día:
- ONG Sunu Gaal
- FAXPG – Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia
- Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur – Proxecto COMTA Salud
- ONCE
- ONG Meniños
- Down Pontevedra Xuntos
- Cooperacion Galega-Solidariedade Galega










