A Deputación imparte unha formación na Escola de Enfermería para sensibilizar ao alumnado sobre a igualdade e a perspectiva de xénero


7 de marzo de 2024

A charla, ofrecida pola politóloga Priscila Retamozo, enmárcase dentro da programación "Seguimos con todas e para todas", deseñada pola institución provincial para o 8M

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, acaba de inaugurar a acción formativa "Perspectiva de xénero, unha achega aplicada", impartida pola politóloga Priscila Retamozo na Escola de Enfermería de Pontevedra. Na conferencia, organizada pola Deputación de Pontevedra dentro da programación "Seguimos con todas e para todas", deseñada para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o alumnado aproximouse a cuestións relacionadas coa interseccionalidade, a socialización feminina e a masculina, a saúde con perspectiva de xénero ou a sexualidade dende o enfoque de xénero, entre outros. "Somos moi conscientes do papel decisivo da educación para acadar unha sociedade equitativa, e por iso imos seguir promovendo accións como esta, que permiten fomentar a igualdade e a transversalidade da perspectiva de xénero no ámbito formativo", asegurou a deputada.

No acto inaugural da conferencia, Sandra Bastos incidiu na importancia de "espallar a educación en igualdade en todas as profesións e eidos sociais", algo máis necesario incluso en ámbitos como a enfermería. "Porque sempre estivo moi ligada ás mulleres e porque, desgraciadamente, aínda vemos numerosos exemplos, en pleno século XXI, de enfermeiras que seguen a sufrir situacións machistas no seu día a día", nun traballo que require dunha alta cualificación e formación académica e que ocupa un lugar central entre as profesións sanitarias, como lembrou a responsable provincial de Igualdade.

Na formación os e as asistentes reflexionaron sobre a perspectiva de xénero dende un enfoque que favoreza un exercicio profesional eficaz, que non perpetúe estereotipos machistas. Ao longo das tres horas de duración da actividade, intercalouse a explicación do marco teórico con dinámicas participativas, posibilitando ao alumnado a reflexión e a expresión dos seus sentimentos, opinións, experiencias e coñecementos relacionados con esta materia.