Xornada de sensibilización en igualdade de oportunidades e a perspectiva de xénero


26 de novembro de 2024

A Escola de Enfermería coa colaboración da áraea de igualdade da Deputación provincial, organizou unha xornada formativa para sensibilizar ao alumnado de primeiro curso sobre a igualdade e a perspectiva de xénero, impartida pola politóloga Priscila Retamozo.

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, inaugurou a acción formativa e incidiu na importancia de "espallar a educación en igualdade en todas as profesións e eidos sociais", algo máis necesario incluso en ámbitos como a enfermería. "Porque sempre estivo moi ligada ás mulleres e porque, desgraciadamente, aínda vemos numerosos exemplos, en pleno século XXI, de enfermeiras que seguen a sufrir situacións machistas no seu día a día", nun traballo que require dunha alta cualificación e formación académica e que ocupa un lugar central entre as profesións sanitarias, como lembrou a responsable provincial de Igualdade. 

Na conferencia, celebrada o 26 de novembro, aproveitando a proximidade do "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller", o alumnado aproximouse a cuestións relacionadas coa interseccionalidade, a socialización feminina e a masculina, a saúde con perspectiva de xénero ou a sexualidade dende o enfoque de xénero, entre outros. "Somos moi conscientes do papel decisivo da educación para acadar unha sociedade equitativa, e por iso imos seguir promovendo accións como esta, que permiten fomentar a igualdade e a transversalidade da perspectiva de xénero no ámbito formativo", asegurou a deputada.

Ao longo das catro horas de duración da actividade, intercalouse a explicación do marco teórico con dinámicas participativas, posibilitando ao alumnado a reflexión e a expresión dos seus sentimentos, opinións, experiencias e coñecementos relacionados con esta materia.