A Deputación de Pontevedra impulsa por cuarto ano consecutivo un módulo de igualdade e perspectiva de xénero na Escola de Enfermería


28 de novembro de 2021

Escola de Enfermería da Deputación de Pontevedra acollerá a partir deste próximo martes 30 de novembro o "Módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e perspectiva de xénero" promovido pola institución provincial a través do servizo de Igualdade. A formación, que leva promovendo a Deputación dende o 2017,  terá lugar en dúas sesións de catro horas cada unha que serán impartidas por Mercedes Renda Melón, presidenta da Asociación Profesional de Axentes de Igualade de Oportunidades (APAIOGA).

A través deste módulo de sensibilización, no que van participar 20 alumnas e alumnos da Escola de Enfermería, preténdese formar sobre a importancia de contribuír á ruptura de estereotipos e prexuízos de xénero, así como difundir información sobre a igualdade de oportunidades, discriminación, corresponsabilidade e violencia de xénero. Tamén proporcionar coñecementos e ferramentas para facilitar a reflexión autocrítica e promover actitudes feministas. Ao longo das xornadas falarase sobre o sistema sexo-xénero e a discriminación como fenómeno estrutural; os roles e estereotipos de xénero; as violencias machistas; a violencia de xénero e as novas tecnoloxías; e a incorporación da perspectiva de xénero á práctica profesional da Enfermería.

O "Módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e perspectiva de xénero" é impartido pola asociación APAIOGA, integrada por axentes de Igualdade con formación teórico-práctica na materia. Ao longo da súa traxectoria ten realizado xa formación en Igualdade en Universidades, centros educativos, concellos e outras administracións públicas, así como elaborado estudos e plans específicos sobre a Igualdade.